Produto cárnico típico galego resultante da mestura de costela e doutros ingredientes obtidos a partir de carne de porco, debidamente aderezados e embutidos en cego, tamén de porco, que posteriormente se somete a un proceso de afumado e curado.
O seu consumo realízase despois da súa cocción.
- TEXTURA: Firme e compacta ao tacto no exterior; mentres que no interior presenta unha textura fibrosa e non homoxénea, dependendo da porción degustada.
- COLORACIÓN E ASPECTO NO CORTE: No corte presenta un aspecto heteroxéneo e non moi ligado; de cor vermella intensa, definida pola materia prima e polos condimentos.
- AROMA E SABOR: Aroma intenso a embutido adubado e afumado. Unha vez preparado para o consumo, predomina o olor a carne magra cocida; de sabor agradable, picante e cunha equilibrada relación doce/salgado.
- FORMA E ASPECTO EXTERNO: Definidos pola forma da tripa, coa textura e rugosidades propias da mesma. A súa forma é oval, o envoltorio non presenta roturas e está totalmente recheo da masa e ben adherida a esta.